Sunday 19 de May de 2024

Paco Casal expón no Lustres Rivas de Riveira unha trintena de obras integrantes da súa colección “Momentos”


O artista ferrolá de nacemento e aguiñense de adopción Paco Casal recala por terceira ocasión no Centro Cultural Lustres Rivas cunha nova exposición: “Momentos”, integrada por preto de trinta obras que se poderán contemplar na instalación municipal ata o vindeiro 4 de xaneiro.

Na noite de onte tivo lugar a inauguración da mostra a través dun acto que contou coa participación de Xoán Pastor Rodríguez, quen esbozou unha semblanza do autor, do propio pintor e da primeira tenente de alcalde e concelleira de Cultura, María Sampedro.

Nesta mostra o artista achega ao público creacións variadas en canto a técnica e formato tales como acrílicos ou gravados sobre linóleo, gravados 3D sobre papel artesanal ou gravados ao ácido ou en talla pvc ademais de barrís ou toneis con pintura sintética e esmaltes para exterior, moitas delas seleccionadas ou premiadas en certames como a Bienal José Luis Fernández, Certame Internacional de Gravado Fundación Pedro Vivanco da Rioxa ou no Premio Atlante de Gravado do Museo de Artes-Riveira.

Nado en Ferrol en 1956 e afincado en Aguiño, Paco Casal comezou a pintar en 1985 estudando a obra de Vázquez Doce. Dentro da súa formación artística ten referenciado numerosos talleres, cursos e encontros de arte, tanto de pintura como de gravado. Expón regularmente dende o ano 1990 e a súa obra ten sido premiada e seleccionada en gran número de certames de pintura e gravado, ademais de formar parte de coleccións particulares e institucionais.

“Momentos” é a terceira mostra de Casal no Centro Cultural Lustres Rivas. A primeira tivo lugar en febreiro de 2015 (“Realidades máxicas”) e en xullo de 2016 participou nunha exposición conxunta co escultor rianxeiro Nuco Losada baixo o título “A Galicia máxica”.